Tomiño pechou con grande éxito a súa Feira de Cultivos do Baixo Miño

Tomiño pechou con grande éxito a súa Feira de Cultivos do Baixo Miño

A pesar da inestabilidade meteorolóxica, a feira atraeu a milleiros de visitantes grazas a unha ampla programación cultural e profesional  

Concello e acuBam xa teñen a vista posta na vindeira edición, na que se celebrarán os 20 anos de vida da Feira de Cultivos

 

Éxito rotundo da Feira de Cultivos do Baixo Miño. A feira, organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño, pechaba este domingo a súa décimo novena edición cun balance máis que positivo despois de tres días intensos nos que a grande afluencia de público a pesar da inestabilidade meteorolóxica reafirma unha vez máis o papel deste evento como feira de referencia no sector agro en Galicia.

 

Coa vista posta xa na vindeira edición, na que se conmemorarán os 20 aos de vida da Feira, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo aplaudir “aquela iniciativa duns pioneiros que se aventuraron a sacar adiante esta feira para unir ao sector e mostrar a profesionais, veciñanza e visitantes o enorme potencial do noso sector agrícola”. “Nestes anos demos un salto cualitativo cunha feira ao aire libre que ganou presenza, capacidade expositiva e, sobre todo, interacción cos veciños e veciñas”, resaltou.

 

A rexedora destacou o papel que a sustentabilidade ocupou nesta edición da feira e aplaudiu os avances feitos. “O futuro do sector agrícola será sostible ou non será. Ese compromiso co medio é parte fundamental do contido desta feira en obradoiros, charlas e mesmo expositores. Ogallá que de eventos coma este saian novas xeracións que amen a terra e o campo entendido como empresa moderna, como futuro, como un modelo de seguir xerando riqueza no noso país”, salientou.

 

Pola súa banda, o presidente de acuBam, Fran Campo, agradeceu a grande acollida da Feira de Cultivos do Baixo Miño, un evento que pon en relevo un sector “que é motor de desenvolvemento económico e sostible do noso territorio. Un sector cun pasado importante, cun presente de gran peso e cun futuro que se brinda como unha oportunidade para o fortalecemento e coa mellora da innovación, as novas tecnoloxías e a profesionalización como eixo fundamental para acadar novos niveis de competitividade”.

 

A ampla e variada programación cultural e de lecer da Feira de Cultivos foi un imán para o público xeral, que encheu as prazas e rúas do núcleo de Goián de vida, con xente paseando e coñecendo as empresas do sector na comarca, gozando da música, das compras, da gastronomía local ou dunhas xornadas de esparexemento ao aire libre.

 

As conferencias impartidas por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e persoal experto ofreceron un espazo de aprendizaxe e intercambio de coñecemento, atraendo a profesionais e persoas afeccionadas que buscaban ampliar os seus horizontes. Mentres, as tendas efémeras e o Mercado de Primavera foron o foco central das vendas tanto de planta e produto local de Viveiros da Barxa, Viveros Nilo, Terras do Miño e A Rosaleira como de pezas de artesás, artesáns e produtores e produtoras da comarca.

 

Case 200 persoas tiveron a oportunidade de participar nos 10 obradoiros organizados nesta edición, onde a formación e a información puxéronse ao servizo do público. Foron espazos de aprendizaxe para infancia, público xeral e profesional nos que da man de recoñecidos expertos e expertas se traballaron en diferentes temáticas centradas no sector agro e no medio ambiente ofrecendo unha experiencia divertida e enriquecedora para todas as persoas asistentes.

 

A exposición de Somosarte puxo a nota artística e atraeu a numerosos visitantes, consolidándose como un dos espazos máis visitados en cada nova edición da feira. En total foron tres días cunha decena de obradoiros, 6 conferencias, 5 concertos, un showcooking, unha mostra, tendas onde mercar planta e produto local, un mercado e moito máis que de novo sorprenderon pola grande afluencia de público.

 

© 2024 Feira de cultivos do Baixo Miño – Desenvolvido por Linckia | Aviso legal – Política de privacidade – Política de cookies