Sesión de micros abertos na Feira de Cultivos para visibilizar o talento musical emerxente

A Feira estrea este formato o sábado 10 de maio ás 13.30 h na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián

As persoas ou grupos interesados en participar terán entre 5 e 20 minutos para conquistar ao público

Inscricións na web da Feira de Cultivos

Tomiño, 26 de abril de 2025.- A música tamén florece na Feira de Cultivos do Baixo Miño. Este ano, coincidindo coa celebración do seu 20 aniversario, o grande evento do sector agro estrea novos formatos para dar voz ao talento musical de Tomiño, da comarca e de calquera punto da xeografía: unha sesión de micros abertos que converterá o escenario principal da feira nun espazo de participación e creatividade.

A cita terá lugar o sábado 10 de maio ás 13.30 h na Praza Pintor Antonio Fernández, en Goián, e converterase nunha oportunidade única para que artistas emerxentes, tanto solistas como grupos, poidan compartir a súa música nun ambiente festivo e diverso. Cada actuación terá unha duración de entre 5 e 20 minutos, tempo no que cada participante poderá amosar o seu estilo, son, voz e enerxía.

“A Feira de Cultivos naceu para conectar o noso territorio co sector agro, a innovación, o lecer e a cultura, e agora damos un paso máis abrindo tamén o escenario á participación directa”, destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que convida a todas as persoas interesadas a subirse ao escenario. “Queremos visibilizar o traballo de músicos e músicas de Tomiño, da comarca, pero tamén dar acollida a persoas doutras zonas que queiran formar parte desta celebración”, recalca.

As inscricións para participar están xa abertas a través da web oficial da Feira de Cultivos, e cubriranse por orde de chegada ata completar o número de actuacións previstas. A organización facilitará o equipo técnico básico e acompañamento durante a actividade, para garantir unha experiencia profesional e acolledora.

Desde a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam, o seu presidente,Francisco Campo, subliña que esta proposta “é un novo paso na evolución da feira, que nos permite reforzar os lazos coa comunidade, poñer en valor o talento local e ofrecer unha programación cada vez máis rica, aberta e inclusiva”.

A sesión de micro aberto forma parte da ampla programación da Feira de Cultivos do Baixo Miño, que se celebrará do 9 ao 11 de maio, con expositores, charlas, obradoiros, música, actividades infantís e propostas para todos os públicos, tanto profesional como xeral. Organizada polo Concello de Tomiño e acuBam, a Feira segue consolidándose como un evento referente en Galicia para o sector verde, converténdose en espazo de encontro e escaparate das principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e subministros.